Sunday 19 de May de 2024

O carralés Manuel Caamaño recollerá este sábado o trofeo de campión galego de karting


A Federación Galega de Automobilismo celebra a cerimonia de entrega de premios do 2014 este sábado no auditorio municipal de Celanova

Este sábado, Manuel Caamaño Prado, recollerá o trofeo que o acredita como campión galego 2014 de Karting na categoría benxamín. Este carralés de 5 anos, o corredor máis novo da categoría, empeza a ser unha firme promesa no deporte do motor galego.

Os seus primeiros pasos no mundo do motor, chegaron con apenas 2 anos de idade, cando subiu por primeira vez a un baby kart (de 35 cm3) e comezou a dar mostras do seu potencial. Aos 3 anos, Manuel probou tamén o mundo das 2 rodas con minimotos de estrada e de Cross (xa de 49 cm3). Pero non foi ata os 4 anos cando (cun Kart de competición CRG de 65 cm3 e velocidades próximas aos 100 km/h) comezou a competir en carreiras oficiais, aínda que sen a posibilidade de participar nas semifinais e finais, nin puntuar nas primeiras carreiras da tempada, debido á súa curta idade.

Xa con 5 anos, Manuel empeza a facer realidade o que levaba apuntando dende pequeno; coa idade mínima para competir, en 2014 comeza a puntuar nas carreiras do campionato oficial co equipo Gara Karting, conseguindo o título de campión galego benxamín ao final da tempada, e unha traballadísima 8ª posición na categoría cría. Ademais, conseguiu tamén o título honorífico de rookie do ano en ambas as dúas categorías.

Outra das competicións nas que participou este novo piloto, foi a MasKarting Cup, en conseguiuna un meritorio 3º posto absoluto.